Monday 06 de May de 2024

A Xunta garante as conexións de autobús entre Vila de Cruces e A Coruña co novo Plan de Transporte Público de Galicia


A liña que conecta Vila de Cruces coa cidade herculina continuará operando ata a entrada en servizo dos novos contratos, que está prevista para xaneiro de 2021

A Xunta garante as conexións de autobús entre Vila de Cruces e A Coruña co novo Plan de Transporte Público de Galicia.
Esta liña que conecta Vila de Cruces coa cidade herculina continuará ao servizo dos usuarios ata a entrada en funcionamento dos novos contratos, que está prevista para o vindeiro mes de xaneiro de 2021.
O novo plan reordenará as liñas coa fin de responder con maior eficacia ás necesidades dos cidadáns en materia de mobilidade.
No caso desta liña, a demanda que se rexistra é, fundamentalmente, para traxectos intermedios entre estas localidades, que co novo plan se van atender con diferentes expedicións, mellorando as frecuencias e os tempos de percorrido.
Neste sentido, mantense a liña Vila de Cruces- A Coruña, cunha expedición de ida, a primeira hora da mañá, e outra de volta, á tarde, de luns a venres. Realizarase un único transbordo en Boimorto, perfectamente coordinado, co que se reducirá a duración da viaxe en case 15 minutos en sentido ida e 30 na volta. Tamén se incorporará unha conexión directa entre Mesía e A Coruña, con entrada ata
Entrexardíns, aumentando o número de expedicións ao pasar dunha ida e volta por xornada a dúas.
A posta en marcha desta liña, Mesía-Montouto-Carral, permite unha conexión transversal entre estes tres concellos, así como o acceso, a través do transbordo en Carral, a un amplo número de expedicións que existen cara á Coruña.

Ademais a prolongación da liña A Coruña-San Pedro de Présaras ata Boimorto aumentará en dúas expedicións as actuais seis que percorren Boimorto-A Coruña.
O funcionamento da nova liña Boimorto-Mesía-Ordes-estacións de autobuses e de ferrocarril tamén permitirá enlazar estes tres municipios e mellorar a conexión dos veciños desta contorna con cidades como A Coruña ou Santiago.
Estas melloras son posibles grazas á planificación que a Xunta acometeu no marco do Plan de Transporte Público de Galicia, cuxos contratos foron sometidos ao procedemento de información pública, sen que ningún dos concellos afectados pola citada liña presentaran alegacións.